Friday 03 de May de 2024

A escritora María Jesús Millarengo presenta en Neda a súa última obra, “O burro do cura”


O acto na súa vila natal terá lugar este xoves ás 19 h na Casa das Palmeiras

A escritora nedense María Jesús Millarengo elixiu a súa vila natal para a presentación da súa terceira obra literaria, “O burro do cura”. O acto terá lugar este xoves, 2 de xuño, ás 19 horas, na Casa das Palmeiras, con entrada libre. Acompañaranna Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación de Amas de Casa da Coruña, que realizará os labores de presentación, e Julia Dopico, que porá a nota musical á xornada, ofrecendo un recital coa súa bandurria.

“O burro do cura” é unha obra historiada, prosa con sabor poético, baseada nunha historia real acontecida hai varias décadas nalgún lugar da provincia da Coruña. A autora parte dela para entrelazar diferentes historias e unha morea de peripecias arredor do animal que, segundo avanza xa Millarengo, terá un final feliz.

A presentación da súa obra en Neda non é casual, cumpre coa palabra dada ao alcalde. Neda convertíase no último municipio da rolda de presentacións da súa anterior novela, e no acto a escritora comprometíase a presentar a seguinte, “O burro do cura”, na súa localidade natal. Unha presentación que chegará este xoves e na que María Jesús Millarengo tamén asinará exemplares da obra.